Proxecto discopal.

RESUMO

A necesidade da ordenación pesqueira xorde conforme ao superávit de producción das poboacións de peixes alcanzado pola capacidade de captura das flotas pesqueiras. A capacidade de captura é o producto do esforzo de pesca e a eficiencia combinada das artes de pesca e da embarcación pesqueira (capacidade de carga, potencia do motor, capacidade de alcance, etc.)

A ordenación pesqueira inclúe diferentes medidas. Entre elas se atopan as regulacións sobre artes de pesca para lograr a meta global dun rendemento sostible alto nas pesqueiras. Estas inclúen, por exemplo, regulacións sobre a luz de malla para mellorar as propiedades selectivas, reducindo así a captura incidental de xuvenís e salvagardando aos reproductores.

Recentemente tense acrecentado o interese acerca dos efectos sobre o ecosistema das pesqueiras, considerando o impacto que as operacións pesqueiras teñen non só sobre as especies obxectivo, senón tamén sobre a captura incidental ou outros efectos sobre especies non comerciais ou hábitats. A eficacia enerxética, a reducción da contaminación e a mellor calidade da captura son tamén aspectos importantes relacionados coas artes de pesca e operacións pesqueiras. Dunha situación onde o desenvolvemento das artes e métodos de pesca só se enfocaba cara á maior eficiencia posible de pesca da especie obxectivo, agora a investigación, a ordenación e a industria pesqueira enfrontan o reto de desenvolver artes, métodos e regulacións para satisfacer as diferentes consideracións mencionadas anteriormente. Isto é parte do enfoque ecosistémico que está emerxendo para a ordenación pesqueira.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma, nos seus artigos 27º e 28º, a competencia exclusiva en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, así como a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro. En exercicio destas competencias, dictouse a Lei 11/2008, de 11 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, de 11 de decembro, que no seu artigo 6º establece que a política da Administración autonómica terá como obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros -entre outros- os do establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, xestión e explotación responsable, racional e sostible dos recursos mariños vivos. A Consellería do Mar é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma á que lle corresponde desenvolver as competencias e funcións, entre outras, en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

Actualmente, as artes e aparellos permisibles en Galicia están regulados polo DECRETO 15/2011, de 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, úteis, equipos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalidade

Deseño e construcción dun sistema automatizado de palangrillo de fondo, propio da tradición pesqueira galega e contemplado na regulación mencionada, amoldado e concibido expresamente para as características das embarcacións artesanais, que supuxera un salto cualitativo con respecto ao método actual: racionalizando así a dedicación en man de obra, o esforzo da mesma e por conseguinte, mellorando a competitividade do palangrillo en relación coas outras artes de pesca hoxe estendidas facéndoo máis rendible.

INTRODUCCIÓN

A diferencia do que sucede noutros segmentos encadrados na actividade primaria, nos que o recurso perseguido pode controlarse, fomentándose a producción do mesmo incluso mediante a modificación xenética das súas características, o da pesca extractiva queda a expensas dun recurso salvaxe cunha productividade que soe ser unha incógnita e depende en gran medida, non só do ciclo biolóxico de cada especie, senón de variables oceanográficas incontrolables. Partindo pois da base de que as biomasas das distintas especies son froito e expoñente da productividade intrínseca do ecosistema mariño, o albor de explotación pesqueira debería estar en liña coa devandita capacidade e non seren superadas sistematicamente dadas as repercusións negativas que supón.

Procurando sempre unha maior eficiencia pesqueira, e en función da tipoloxía de especies obxectivo e das augas onde faenar, historicamente fóronse desenvolvendo distintas artes de pesca; moitas delas teñen caído en desuso superadas polas prestacións doutros novos deseños, pola comodidade no uso ou pola deriva de certas especies. Son moitos os casos nos que as especies susceptibles de seren capturadas poden pescarse a través de varias artes de pesca, sen que o uso de unha ou outra estea xustificado en virtude do seu impacto sobre as poboacións e o medio no que se desenvolven.

A actividade pesqueira extractiva, sexa cal sexa o sistema utilizado, non se limita á mera captura das especies pretendidas, senón que supón unha serie de efectos colaterais negativos cientificamente contrastados. De maneira resumida, estes impactos sobre a ecoloxía dos sistemas explotados serían:

  • Impactos sobre a ecoloxía trófica (perda de recursos potenciais e posible declive dos stocks explotados).
  • Cambios no ecosistema.
  • Impactos sobre a ecoloxía parasitaria (expansión das parasitoses).

Se nos cinguimos ao Código de Conducta Pesqueira para a Pesca Responsable de FAO, aprobado pola Conferencia da FAO no seu 28º período de sesións o 31 de outubro de 1995, os criterios que debería de reunir o arte de pesca ideal serían:

  • Altamente selectivo das tallas e especies obxecto da pesca, con impacto directo ou indirecto mínimo sobre tallas, hábitats e especies non obxecto da pesca (Código de Conducta, Parágrafos 8.4.7, 8.5.1 - 8.5.4).
  • Efectivo, producindo altas capturas de especies obxecto da pesca ao menor costo posible.
  • Orientado cara á calidade, producindo capturas de alta calidade (Código de Conducta, Parágrafo 8.4.4).


De acordo con estes e outros criterios adicionais que se poderían agregar, facilmente chégase á conclusión de que a arte de pesca ideal non existe, pois ningunha das existentes cumpre coa totalidade de criterios desexados. Sen embargo, no proceso de avanzar cara a unha ordenación pesqueira sostible, os distintos artes de pesca coas súas propiedades específicas e o potencial de ser mellorados, representan un aspecto importante entre as ferramentas a disposición para  a ordenación pesqueira.

Existen multitude de sistemas de pesca e, como quedou dito anteriormente, ningún reúne as condicións como para poder catalogalo como “arte de pesca ideal”. Para facer unha análise e avaliación o máis obxectiva posible dun determinado arte, habería que considerar os seguintes aspectos:

  • Efectos da pesca sobre o ecosistema
  • Selectividade
  • Captura incidental
  • Descartes
  • Mortalidade incidental
  • Pesca pantasma
  • Efectos sobre o hábitat
  • Calidade da captura
  • Economía enerxética

Dos múltiples sistemas existentes, os palangres teñen unha serie de vantaxes sobre outros:

  • Considérase que este arte ten boas propiedades de selectividade de especies e tallas. As propiedades de selectividade de talla poden ser parcialmente reguladas polo tamaño do anzol e da carnada e polo tamaño dos peixes capturados.
  • A captura incidental é mínima en canto a outras especies mariñas se refire e apreciable en mamíferos mariños e aves.
  • Coñécese pouco sobre a mortalidade incidental de peixes nas pesqueiras de palangre, pero pode estimarse que é moi reducida. A pesca pantasma pode ser considerada como un problema menor cos palangres e non se considera que este arte cause efectos adversos significativos ao hábitat.
  • A eficacia enerxética da pesca con palangres xeralmente é alta, con coeficientes típicos de 0,1 a 0,3 (quilogramos de combustible por quilogramo de captura desembarcada).
  • Os peixes capturados con palangre polo xeral son de alta calidade sempre e cando os tempos de remollo non sexan excesivos e se evite a actividade de preeiros de fondo que poderían atacar e comer partes dos peixes atrapados nos anzois.